BARBANZA> Todas elas competirán para facerse co galardón nalgunha das cinco categorías existentes: empresa familiar, implantación I+D+i, internacionalización, promoción turística e iniciativa emprendedora. A Federación de Empresarios do Barbanza fixo pública hoxe a listaxe coas empresas que optan este ano ós premios Dolmen de Ouro, que afrontan este ano a súa vixésimo sétima edición. A cita terá lugar o venres dezaseis de outubro en Rianxo, no pavillón polideportivo. O desenvolvemento da gala será semellante á do pasado ano, optándose novamente por outorgar os galardóns en función de varias categorías e non por asociacións locais, como se facía anteriormente. Este ano haberá un total de cinco apartados e nelas competirán un total de dezaseis empresas de diversos concellos. Á categoría de empresa familiar optan Pulpería Rial de Padrón, Restaurante Tanxil de Rianxo, Muebles Santiago Vidal de Ribeira, Confitería Dominga de Noia e Construciones Domínguez Arias e Hijos de Ribeira. Polo galardón que recoñece a implantación I+D+i loitarán a clínica dental Dr. Gonzalo López Castro da Pobra, que xa optou a este premio na pasada edición, a tamén Clínica Dental Mares de Rianxo e Infonova de Noia. No apartado de internacionalización dúas son as firmas que optan a este premio: D-Due de Rianxo e Fesba de Dodro. Optarán ó Dolmen que recoñece a promoción turística a Aldea dos Muíños en Rianxo, In9 Eventos de Boiro e o Hotel Noia. Á quinta das categorías, a da mellor iniciativa emprendedora, optan a empresa Triwus de Boiro, Suministros Navales Santa Uxía de Ribeira e Sistemas Eficientes Ecofogar de Outes.
Inicio Barbanza - Muros - Noia