O BNG segue a esixir unha rehabilitación respectuosa para Pontenafonso

OUTES> O BNG da comarca de Muros-Noia convocou este pasado domingo unha concentración nas inmediacións da Pontenafonso.

A protesta, que contou coa participación dun bo número de veciños, tiña coma principal finalidade mostrar a súa disconformidade coas obras de rehabilitación que se están a levar a cabo actualmente na infraestrutura, e que executa a Xunta de Galicia.

Para os nacionalistas a actuación que se está a realizar é un claro atentado patrimonial, provocando unha degradación dunha ponte histórica catalogada patrimonialmente.

Ademais de solicitar a restitución do peitoril de pedra orixinario, os nacionalistas tamén denuncian a solución que se lle deu á canalización do cableado de telefonía que cruza a ponte, ó tratarse, segundo eles, dunha auténtica ‘chapuza’.

Por esta razón, como xa fixeran con sendas iniciativas presentadas no Parlamento, volveron a solicitarlle á Xunta a paralización cautelar das obras, e que se realice unha intervención que garanta o valor patrimonial da infraestrutura.