A POBRA> A Asociación AMICOS clausurou na Pobra o proxecto Climability. A través desta iniciativa desenvolveuse un estudo sobre os efectos do cambio climático e a adopción de solucións baseadas na propia natureza.
Na súa liña de compromiso co medio ambiente, a asociación AMICOS desenvolveu unha nova iniciativa para investigar e sensibilizar sobre o cambio climático. O proxecto Climability consistiu na realización dun estudo sobre o cambio climático en dúas comarcas tan diferentes como Barbanza e Verín co fin de artellar solucións baseadas nos recursos naturais.
O estudo, realizado pola Fundación Juana de Vega, centrouse nas zonas máis afectadas polos incendios e a erosión, propoñendo distintas medidas de prevención.
O proxecto incluíu tamén a elaboración dun mapa con illas de calor nas que se recomenda a creación de zonas verdes e a plantación de vexetación.











