As vilas mariñeiras do Barbanza celebraron o Carme con numerosas procesións marítimas

BARBANZA> O Barbanza celebrou esta fin de semana a festividade do Carme con sentidas homenaxes á patroa dos mariñeiros. Entre os actos máis emotivos destacaron as procesións marítimas de Cabo de Cruz e Rianxo, dúas localidades con gran tradición mariñeira.

O tempo acompañou e o sol fixo acto de presenza na xornada do domingo para celebrar unha das festividades con máis tradición na comarca do Barbanza. Entre as vilas máis madrigadoras estaba a localidade boirense de Cabo de Cruz coa misa solemne celebrada na lonxa ás once e media da mañá.

Unha vez rematada, a imaxe da virxe do Carme embarcou no San Fernando. Seguida dunha ampla comitiva surcou as augas da ría onde tivo lugar o lanzamento dunha coroa de loureiro en lembranza dos falecidos no mar.

Tamén en Noia e na localidade ribeirense de Aguiño saíron en procesión marítima pola mañá mentres que noutras vilas como Muros e A Pobra realizaron as celebracións pola tarde. Unha das últimas procesións en saír, pasadas xa as oito da tarde, foi a de Rianxo. Nesta ocasión tivo lugar un encontro moi especial posto que confluíu no medio da ría coas de Carril e Vilaxoán  nun emotivo encontro en lembranza ás xentes do mar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí