Peña cualifica de ‘gran decepción’ os cen primeiros días do tripartito en Ribadumia

    RIBADUMIA> Decepcionantes 100 primeiros días de goberno tripartito en Ribadumia. Cando menos, así o ve o Partido Popular. Salomé Peña ve falta de iniciativa e incumprimento das promesas no actual equipo que dirixe o concello. Tamén asegura que se están a lucrar da herdanza do PP: ata o de agora, as únicas obras que están a ser executadas xa foran adxudicadas polo seu goberno.

     

    Para a exalcaldesa de Ribadumia, os 100 primeiros días de goberno dos seus substitutos á fronte do concello son unha gran decepción.

    Peña ve falta de iniciativa e dun proxecto claro no novo equipo de goberno. Acúsaos de desatender recursos turísticos como o Paseo da Pedra e da Auga ou o Monte do Castro, e de ser incapaces de levar adiante proxectos que xa puxera en marcha o PP.

    No tinteiro tamén está aínda a obra do edificio anexo ao pavillón de Ribadumia, pendente de adxudicar. Si se realizaron a ampliación do patio da escola de infantil, a reforma do local das mulleres rurais ou o acondicionamento do entorno do Umia. Todas elas actuacións, segundo a exalcaldesa, que deixou preparadas o seu goberno.

    Tamén acusan ao tripartito de incumprir as súas promesas. Peña denuncia desatención aos veciños e falta de transparencia no equipo de goberno, que aínda non publicou as retribucións dos concelleiros. Superados xa os 100 días á fronte do concello, tampouco convocaron ningún pleno ordinario.

    A pesares de denunciar tamén un bloqueo ao seu labor de oposición, a exalcaldesa comprometeuse a tomar unha postura construtiva e responsable.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/01/pp_ribadumia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/01/pp_ribadumia.mp4{/flowplayer}