Arranca oito anos despois o xuízo pola ‘Operación Piraña’

PONTEVEDRA> Primeira xornada do macroxuízo pola Operación Piraña. José Ramiro Vázquez Roma por fin sentou na bancada dos acusados para responder dos cargos de narcotráfico e branqueo de capitais que lle imputa a Fiscalía. Xunto ao suposto cabecilla do clan Roma, sentaron tamén os outros 18 acusados, que o Ministerio Fiscal sinala como membros desta suposta rede que en outubro de 2007 foi descuberta cando intentaba introducir catro toneladas de cocaína polas costas galegas valoradas en cen millóns de euros.

A primeira sesión do xuízo pola Operación Piraña dedicouse por completo ás cuestións previas. Varios avogados da defensa solicitaron a nulidade das escoitas telefónicas presentadas como probas.

O Ministerio Fiscal xustificou as actuacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira. Aínda que nunca fora detido, as forzas antidroga consideraban a Ramiro Vázquez Roma un dos maiores introdutores de cocaína en Galicia, con contactos cos cárteles colombianos. 

Está previsto que as declaracións dos acusados arranquen o luns. Terán que responder sobre a súa suposta pertenza ao ‘clan Roma’, a presunta rede desarticulada cando intentaba introducir catro toneladas de cocaína pola costa galega por un valor de máis de 100 millóns de euros.

Os feitos remóntanse ao 2007. Por esta causa, ningún dos acusados continúa na cadea. Incluso o presunto capo arousán Ramiro Vázquez Roma e suposto cabecilla do clan, foi excarcerado no 2011 despois de cumprir o máximo de catro anos de prisión preventiva. 

Carmen Avendaño, presidenta de Érguete, estivo presente no xuízo e lamentou esta dilatación dos tempos xudiciais.

A Fiscalía pide penas que suman multas de máis de 6.000 millóns de euros e preto de 300 anos de prisión, entre 5 e 27 anos en función da responsabilidade dos acusados na organización.

A máxima pena é a que se pide para Ramiro Vázquez. A Fiscalía impútalle delitos contra a saúde pública, pertenza a unha organización criminal coa condición de xefe e branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas. Enfróntase a unha pena de 27 anos de prisión e tres multas por un total de 604 millóns de euros.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/01/xuizo_clan_roma.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/01/xuizo_clan_roma.mp4{/flowplayer}