ENCE recupera o seu Plan Social con 3 millóns de euros para proxectos deportivos, sociais e culturais

PONTEVEDRA> ENCE recupera o seu Plan Social. A compañía presentou esta mañá as bases da cuarta convocatoria desta iniciativa, dotada con tres millóns de euros e dirixida a clubes e colectivos de Pontevedra, Marín e Poio. O plan naceu en 2017 e quedou interrompido na terceira convocatoria pola pandemia e pola situación xudicial da fábrica en Lourizán. O director territorial de ENCE en Galicia fixo o anuncio acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Clubes deportivos e colectivos de Pontevedra, Marín e Poio poderán volver optar ás subvencións do Plan Social de ENCE. A compañía recupera esta iniciativa, dotada con 3 millóns de euros.

Proxectos sociais, culturais, deportivos, medioambientais ou de emprendemento destes tres municipios poderán conseguir financiamento a través deste plan. A convocatoria ábrese o martes 11 de abril e pecha o 10 de maio.

A iniciativa naceu no ano 2017. Esta é a cuarta convocatoria, despois de que se interrompera pola pandemia e pola situación xudicial da fábrica que ENCE ten en Lourizán. Nas tres anteriores houbo máis de 800 beneficiarios. Trala sentenza do Tribunal Supremo que avala a prórroga da concesión, a empresa retoma o plan.

Antonio Casal estivo acompañado na rolda de prensa polo delegado da Xunta en Pontevedra. Luis López celebrou que se retome este programa de achegas e desbotou que se presente con intereses electorais.

En canto ao futuro da factoría, o director territorial de ENCE en Galicia reafirmou o compromiso coas instalacións de Lourizán. Asegurou nun prazo de dez anos investirán uns 130 millóns de euros na fábrica, que a medio prazo serán 395 millóns. Tamén recordou o pacto ambiental asinado coa Xunta de Galicia que incluía 15 millóns para a nova depuradora de Praceres e cinco millóns para o Pazo de Lourizán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí