Arranca a segunda edición do coworking do viveiro de empresas do polígono de Barro

BARRO> Comezou no viveiro de empresas do polígono de Barro a segunda edición do coworking impulsado pola Deputación de Pontevedra. Na iniciativa participan unha vintena de proxectos emprendedores, 13 deles liderados por mulleres. A meirande parte das ideas que pretenden impulsar nesta nova edición están relacionadas coas novas tecnoloxías.

Son mozos, son emprendedores e durante os vindeiros cinco meses teñen a oportunidade de impulsa-los seus proxectos neste espazo de coworking impulsado pola Deputación no viveiro de empresas do Polígono de Barro.  Son 20 os proxectos que recibirán formación e asesoramento a través desta iniciativa. 13 deles están liderados por mulleres.

Para a presidenta de Deputación de Pontevedra resulta significativo que haxa máis mulleres que homes que se aventuren en proxectos emprendedores. Carmela Silva visitou hoxe ós participantes deste segundo coworking. Segundo indicou, o mundo o emprendemento é unha vía para dar resposta ás novas demandas sociais, sobre todo no eido das novas tecnoloxías, ó que están vinculados boa parte dos proxectos desta edición. Para o alcalde de Barro, o viveiro de empresas está cumprindo ó 100% unha das súas funcións: achegar oferta formativa a aqueles que a precisan.

A presidenta e o alcalde tamén aproveitaron para visitar a un grupo de estudantes que visitaban o Laboratorio de Fabricación Dixital que o organismo provincial impulsa en Barro. Trátase dos centros de ensino gañadores do programa Depoemprende na FP, posto en marcha pola Deputación para fomentar a cultura emprendedora entre a xente máis moza.