O Centro Deportivo de Campolongo garantirá a mobilidade das persoas con diversidade funcional

PONTEVEDRA>  O Centro Deportivo de Campolongo estará adaptado para as persoas con diversidade funcional. Así o anunciou o goberno municipal tras a reunión que mantiveron hoxe os voceiros de Amizade co director do complexo deportivo e a responsable de obras. As novas instalacións, que verán a luz o vindeiro 1 de outubro, incluirán todas as peticións que este colectivo realizou esta mañá.

Melloras nos accesos e nos vestiarios. Esas son algunhas das peticións que dende o colectivo Amizade realizaron esta mañá ao director do Centro Deportivo de Campolongo e a responsable de obras. Pequenos cambios nas novas instalacións para optimizar ao máximo a mobilidade das persoas con diversidade funcional.

A pesares de que o proxecto do centro de Campolongo xa cumpría coa normativa, os responsables deste complexo deportivo decidiron reunirse co colectivo Amizade para conseguir facer unhas instalacións adaptadas a todo o mundo.

O Centro Deportivo de Campolongo abrirá as súas portas o vindeiro 1 de outubro. Os responsables deste proxecto están pensando en pechar os rexistros porque o número de altas supera xa as 2.200.