O coche que provocou o accidente en Palmeira viaxaba a 130 quilómetros por hora

RIBEIRA> O informe elaborado por Tráfico do accidente mortal de Palmeira revela que o BMW ía a 130 quilómetros por hora, nun tramo no que a velocidade máxima permitida está fixada a 70. Tamén se confirma que foi este turismo o que invadiu o carril contrario causando a morte da parella que viaxaba no outro turismo implicado.

A Voz de Galicia publica hoxe os resultados do informe elaborado polo Equipo de Reconstrución de Accidentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil a finais do pasado mes de setembro. Nel recóllese a reconstrución do accidente ocorrido en maio na estrada AC-305, no límite entre os concellos da Pobra e Ribeira. No sinistro perderon a vida dous mozos que eran parella, Abraham Muñíz e Sara Lampón. Segundo informa este xornal a toma de datos realizada polos axentes desta unidade especializada en sinistros confirma que o outro dos vehículos implicados, un BMW, conducido por Pilar Fernández, viaxaba a 130 km/hora. Dáse a circunstancia que o tramo no que se produciu a colisión a velocidade máxima está fixada a 70, o que significa case o dobre do permitido. No informe ó que tivo acceso este xornal confírmase tamén que foi este vehículo o que invadiu o carril contrario para acabar colidindo contra o Seat León no que viaxaba a parella de mozos falecida. Estes datos súmanse tamén ós xa coñecidos, e que demostraban que Pilar Fernández conducía baixo os efectos do alcohol e as drogas. O informe realizado polo equipo especializado en accidentes da Garda Civil de Tráfico seralle remitido ó Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira que é quen instrúe o caso. A condutora, a solicitude da acusación que leva á familia das vítimas, podería enfrontarse a unha pena de entre catro e seis anos de prisión por un delito de homicidio imprudente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí