O Fiscal rebaixará as penas a varios membros do Clan Roma

PONTEVEDRA> Terceira xornada do xuízo contra o clan dos Roma pola Operación Piraña. Hoxe declararon os acusados de branqueo de capitais. Nai, muller e amante de Ramiro Vázquez Roma e outro dos acusados coincidiron coa versión do líder confeso da trama, recoñecendo a compra de bens con cartos procedentes do narcotráfico. Trala sesión, o Fiscal Antidroga recoñecía que modificará a petición de penas e multas a parte do clan.

 

A maioría dos acusados pola Operación Piraña recoñeceron os feitos, o que abre a porta a unha rebaixa das penas e das multas por tráfico de drogas e branqueo solicitadas inicialmente pola Fiscalía. Só tres negaron os delitos que se lles imputan: Juan Antonio Garre, presunta man dereita de Ramiro Vázquez Roma, Jorge Lorenzo, administrador do estaleiro de Viana de Castelo onde se construíron as planadoras que transportaron a droga, e a cuñada do capo arousán. Outros tres só recoñeceron unha parte dos delitos.

Trala sesión do xuízo desta mañá, Luis Uriarte recoñecía ter chegado a acordos con varios dos encausados, despois de conversas e negociacións cos avogados nos últimos meses. As modificacións incluiranse nas conclusións finais da Fiscalía.

Hoxe declararon a nai, a muller e a amante de Vázquez Roma. Elas, xunto a outro dos acusados que tamén compareceu hoxe, recoñeceron que bens e investimentos que aparecían aos seus nomes foran mercados polo capo arousán con cartos procedentes do narcotráfico.

A quenda de declaracións dos acusados pechouse coa da cuñada do líder confeso do Clan dos Roma. Ela non recoñeceu os feitos, e negou que os cartos de diferentes contas ao seu nome e ao da súa filla procedesen de negocios irregulares.

Tralas confesións dos acusados, a Fiscalía renunciou a máis de 40 testemuñas, o que reducirá a duración do xuízo. Mañá retomarase coa declaración de axentes que participaron na investigación que levou a desartellar a trama presuntamente liderada por Vázquez Roma, que intentou introducir tres toneladas de cocaína polas costas galegas no 2007.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/06/xuizo_vazquez_roma.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/06/xuizo_vazquez_roma.mp4{/flowplayer}