Cortiñas, culpable de asasinato

PONTEVEDRA>  

José Luis Cortiñas, culpable de asasinato. O xurado popular vén de emitir o seu veredito e considera que o acusado de matar a Lupe Jiménez cometeu un delito de asasinato en concurso cun de aborto, xa que a muller estaba embarazada de cinco semanas no momento da morte. Non consideran que Cortiñas actuase movido por un ‘arrebato’, como declarou durante o xuízo, e si que concorren as agravantes de imposibilidade de defensa e parentesco mais unha atenuante de confesión. A familia da vítima agarda agora que a xuíza o condene á pena máxima: 20 anos de prisión.

 

 

Despois de tres xornadas de xuízo, a última a porta pechada ante a tensión acumulada nas dúas primeiras, o xurado popular encargado de valorar a causa pola morte de Lupe Jiménez encontrou ó único acusado, o seu marido José Luis Cortiñas, culpable de asasinato. En torno ás dez da noite de onte daban a coñecer o seu veredito tras varias horas de deliberación. Nel consideran probado por unanimidade que Cortiñas matou á súa muller na tarde do 23 de febreiro de 2014 cando viaxaban nun vehículo cara Lugo. Recollen expresamente que lle deu repetidas labazadas, causándolle feridas na cabeza e na zona do nariz, ademais de propinarlle tres puñadas no pescozo, unha na boneca e doce na zona do pescozo.

 

Houbo pleno acordo tamén en que o acusado non actuou por un ‘arrebato’, unha ofuscación transitoria que lle impedira entender os feitos que executaba. No que non houbo unanimidade, aínda que se aprobou por sete votos a favor e dous en contra, foi que Cortiñas non atacou a Lupe coa intención de provocar a inviabilidade do feto, xa que a muller estaba embarazada de cinco semanas e o acusado coñecía a circunstancia, pero que si sabía que iso podía pasar. Co que o xurado considera ó acusado culpable dun delito de asasinato en concurso cun de aborto. Aprecian tamén as agravantes de parentesco, abuso de superioridade e imposibilidade de defensa da vítima; e unha atenuante: a de confesión, por contar os feitos ás autoridades e indicar onde deixara o cadáver da muller.

 

A acusación particular, exercida polos fillos da vítima, agarda agora que a xuíza lle impoña a Cortiñas a pena máxima para o delito de asasinato, 20 anos de prisión. Do contrario xa avanzan que recorrerán a sentencia. Tamén o fará a defensa, en base á decisión do xurado, xa que ela pretendía que o delito fora tipificado como homicidio.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/19/FALLO_XURADO_CORTINAS.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/19/FALLO_XURADO_CORTINAS.mp4{/flowplayer}