PONTEVEDRA> Axentes da Policía Nacional concentráronse esta mañá ás portas da comisaría provincial de Pontevedra. O corpo reclama máis protección e denuncia o incremento de agresións que están a sufrir nos últimos tempos mentres desempeñan o seu traballo. A concentración celebrouse unha semana despois de que un mozo entrara nas dependencias pontevedresas e ferira a un axente cunha arma branca.
Máis protección para os axentes da Policía Nacional no desempeño do seu traballo. Esta é a reclamación pola que hoxe se concentrou unha vintena de policías ás portas da comisaría provincial de Pontevedra.
Hai unha semana que a comisaría foi o escenario dunha destas agresións. Un mozo de 26 anos entraba cunha arma branca nas dependencias e feriu a un dos axentes.
Os sindicatos lamentan que non só se trata de falta de protección legal. A falta de medios tamén pon en perigo aos axentes mentres exercen o seu labor.
No caso de Pontevedra, os representantes sindicais recordaron dúas vellas demandas: melloras nas instalacións da Comisaria e a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción para a cidade pontevedresa e a súa área metropolitana.










