Portos mellora as condicións de descarga dos mexilloeiros en Tragove

CAMBADOS> Portos de Galicia, vén de rematar as obras de mellora das condicións de traballo dos mexilloeiros que operan no peirao de Tragove, en Cambados. O delegado da Xunta na provincia, o presidente de Portos e o Patrón Maior do municipio achegáronse ata esta nova instalación cambadesa, para coñecer in situ o servizo que ofrece.
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de rematar as obras de mellora das condicións de traballo dos mexilloeiros que operan no peirao de Tragove, no municipio pontevedrés de Cambados. Así o destacou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán.

As obras de elevación da rampla de descarga do mexillón permitiran que sexa utilizada en todo momento, independentemente das condicións da marea. Nela a Consellería do Mar investiu preto de 55.000 euros. O Patrón Maior do municipio sinalou que xa se está operativa e garante unhas mellores e mais seguras condicións de traballo para os seus usuarios.

O presidente de Portos explicou que esta rampla foi previamente de varada e non permitía un uso óptimo para efectuar descargas de mexillón, xa que precisaba unha maior elevación, polo que foi preciso acometer esta actuación de mellora.