Arranca en Ribeira o XV Torneo Internacional de Taekwondo

RIBEIRA> Na cita organizada polo club Natural Sport tomarán parte preto de un milleiro de deportistas. Este mediodía foi presentado na casa consistorial ribeirense a décimoquinta edición do Torneo Internacional de Taekwondo organizado polo Club natural Sport e que terá lugar esta próxima fin de semana, nas xornadas do sábado e o domingo, no pavillón municipal da Fieiteira. Na cita tomarán parte preto dun milleiro de taekwondista chegados dende diferentes clubs de toda Galicia, así como tamén de ámbito nacional e mesmo internacional, coa presenza de clubs portugueses. Como en edicións anteriores o torneo estará aberto a tódalas categorías . O sábado terá lugar a comparecencia das categorías infantil, junior, cadete, senior e máster, e o domingo desenvolveranse as demostracións técnicas de combate, freestyle, poomsaes e exhibición. Unha das principais novidades da presente edición será o uso dos innovadores tapices octogonais, que se virá sumar ó sistema de cascos electrónicos empregado xa en anos anteriores. Tanto dende o concello como dende o propio club organizador fan un chamamento a acudir esta fin de semana a Fieiteira para presenciar un acontecemento deportivo do máis alto nivel.