Inician unha campaña de recollida de fondos para unha familia sen recursos

    RIBEIRA> Unha parella de Ribeira apela á solidariedade cidadá para facer fronte á dramática situación que atravesan. Para non perder a súa vivenda deben facer fronte ó pago dun préstamo que lles supón practicamente a totalidade da pensión por incapacidade que reciben. A plataforma Stop Desafiuzamentos vén de iniciar unha campaña de recollida de fondos a través dunha hucha instalada no Bazar de Oujo. Casilda e Carlos decidiron denunciar publicamente a súa situación desesperada ante a falla de apoio por parte das institucións. El, cunha discapacidade de máis de noventa por cento, e ela, sen traballo, tan só perciben trescentos sesenta e cinco pola pensión de invalidez do home. A práctica totalidade dos ingresos van destinados ó pago dun préstamo persoal que solicitaron no seu día para construír unha vivenda. A Xunta de Galicia vén de denegarlles a RISGA porque xa son perceptores dunha prestación mentres que Servizos Sociais do concello proporciónalles roupa e alimentos, en colaboración con varias entidades e ONGs. Sen embargo, tan só dispoñen de dez euros para facer fronte ós gastos de todo o mes. A plataforma Stop Desafiuzamentos do Barbanza, que se interesou polo caso, vén de poñer en marcha unha campaña de recollida de fondos. Os interesados poden depositar o seu donativo nunha hucha instalada no Bazar de Oujo. Ademais da solidariedade cidadá, Carlos e Casilda agardan que a repercusión mediática da súa situación lles axude a mellorar as súa condicións de vida podendo optar a un traballo digno.