A décima edición do ‘Rock in Rian’ vén cargada de novidades

    RIANXO> A organización do festival decidiu ampliar o número de actividades a todo o día, para aumentar a participación da xente da vila. Despois de dez anos, e xa cunha relativa maioría de idade para este tipo de eventos, o festival ‘Rock in Rian’ que se celebrará o próximo sábado no Parque de Galicia, a carón do auditorio municipal, presenta este ano importantes novidades. Sen dúbida a máis importante será ampliar o número de actividades ó longo de toda esa xornada, e non só pola noite, con diversas alternativas como poden ser roteiros culturais, un xantar popular, pasabares ou pasarrúas. Outra das novidades este ano é que o festival terá habilitado unha zona de acampada para todos aqueles festivaleiros que se acheguen ese día a vila. Festicultores, Daquidarría, Vendetta e Rebelióm do Inframundo serán os grupos principais que se subirán ese día ó escenario a partir das dez e media da noite. Dende a organización quixeron agradecer tamén a colaboración do Concello, así como tamén das empresas patrocinadoras, xa que sen a súa axuda sería inviable poder levalo a cabo. Así que xa o saben, o ‘Rock in Rian’ pode ser unha boa alternativa de lecer para esta fin de semana.