Continúa o xuízo contra o Clan Roma

PONTEVEDRA> Continúa o xuízo pola operación Piraña que leva ao estrado por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico e por un delito contra a saúde pública ao coñecido como Clan Roma. Hoxe acusación e defensa tentaron aclarar de onde procedían os cartos que a muller e a man dereita de Vázquez Roma introduciron nun estaleiro portugués e a súa participación no mesmo.

 

A sesión desta mañá no xuízo contra o Clan Roma que destapou a Operación Piraña tratou de clarificar a participación nos estaleiros “VianaPesca” de Jorge Lorenzo Santiago, considerado a man dereita de Vázquez Roma, e de María Dolores Millán Leiro, a muller do presunto líder da organización. Nesta empresa da localidade portuguesa de Viana do Castelo Jorge Lorenzo figuraba como socio e xerente e María Dolores Millán como socia.

Para a acusación, Lorenzo non só serviu como testaferro de Vázquez Roma senón que coa súa actuación e xestión dos estaleiros desempeñou unha actividade protagonista na construción e venda de embarcacións destinadas ao narcotráfico. A muller de Vázquez Roma tamén consentiu, segundo o auto da operación, figurar como socia da mercantil e era plenamente consciente de que os 18.000 euros que aportou ao seu comezo como os 168.000 da ampliación de capital da empresa proviñan de diñeiro do narcotráfico que lle dera o seu marido.

O fiscal pide para Jorge Lorenzo Santiago doce anos de prisión e dúas multas de 200 millón de euros polo delito contra a saúde pública, cinco anos de prisión por pertenza a organización criminal e outros cinco anos e multa de 900.000 euros por branqueo de capitais. Para María Dolores Millán a fiscalía pide cinco anos de prisión e unha multa de 1 millón douscentos mil euros polo delito de branqueo de capitais.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/20/xuizo_pirana.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/20/xuizo_pirana.mp4{/flowplayer}