POIO> Esta será a primeira fin de semana na que os centros comerciais de toda Galicia deberán pechar as súas portas. É o caso do Centro Comercial A Barca. Ata alí achegouse hoxe un equipo do Canal Rías Baixas para saber a opinión dos comerciantes ante esta nova medida.
Este é un dos centros comerciais afectados polas novas restricións da Xunta de Galicia. Todos os comercios non esenciais deberán pechar durante toda a fin de semana. Unha medida que non foi moi ben acollida polos empresarios deste Centro Comercial A Barca.
O sábado é sen dúbida o día de maior afluencia de xente neste centro comercial. Por iso, os empresarios saben que esta medida repercutirá gravemente nos seus ingresos.
Os comerciantes aseguran que xa levaban uns días soportando as consecuencias das novas medidas. Xa que tanto a obrigatoriedade de pechar ás 18:00h como os peches perimetrais lles están afectando.
O malestar dos comerciantes trasládase tamén aos clientes, aínda que entre eles hai maior división de opinións.
A pesar do peche dos centros comerciais, os establecementos esenciais como o supermercado si permanecerán abertos durante a fin de semana.