PONTEVEDRA> Once doantes e 28 persoas receptoras de órganos. É o balance que deixou o 2025 neste servizo da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A maioría de doantes, en concreto oito, fixérono en asistolia controlada. Unha técnica que se empregou por primeira vez na área sanitaria hai un ano.
Once doantes, trinta e catro órganos e vinte e seis receptores. Son algúns dos datos que deixou o 2025 na Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Un ano de récord.
En concreto, extraéronse no complexo pontevedrés dous corazóns, cinco pulmóns, sete fígados e 20 riles. No caso dos tecidos foron 19 córneas, ademais doutros tecidos como ósos e vasos sanguíneos.
Estes datos son ben diferentes aos do ano 2024, cando só se captaron tres doantes, un 72% menos. Un crecemento que se atribúe en gran medida á aplicación da asistolia controlada, que permite explantar órganos en pacientes que sufriron unha parada cardiorrespiratoria. Aplícase dende hai un ano e no 2025 foron oito as doazóns que se realizaron mediante esta técnica, dando lugar a 19 transplantes efectivos.
De cara ao futuro próximo, a oficina xa pensa en estender as captacións de potenciais doantes. Actualmente a maioría localízanse en Medicina Intensiva, en concreto na Unidade de Coidados Intensivos. A posta en marcha do Gran Montecelo podería abrir novas opcións.
A idade media dos doantes, baixou ata os 65 anos. En canto á oposición que en ocasións se atopa nas familias, o ano pasado non se deu ningunha entre os familiares de pacientes en morte cerebral. Pola contra, houbo tres no caso de falecidos por paradas cardiorrespiratorias.











