A provincia de Pontevedra, conmocionada polo accidente do autobús en Cerdedo-Cotobade

CERDEDO-COTOBADE> Conmoción na provincia de Pontevedra polo fatal accidente de autobús de Cerdedo-Cotobade. O sinistro deixa sete persoas falecidas e dous sobreviventes, o condutor e unha muller. Nesta xornada, localizouse o cadáver da sétima vítima, despois de confirmarse a desaparición dunha persoa que se cría podía viaxar no vehículo accidentado. Hoxe tamén se gardou un minuto de silencio en Cerdedo, no primeiro dos tres días de loito decretados nese municipio. Nel participaron o delegado do Goberno en Galicia, o delegado da Xunta en Pontevedra e deputados provinciais.

A provincia de Pontevedra continúa conmocionada polo fatal accidente do autobús que, na noite de Noiteboa, caía ao río Lérez ao seu paso polo concello de Cerdedo-Cotobade. O vehículo, que facía a liña Lugo-Vigo procedente do cárcere de Monterroso, precipitouse dende esta ponte, dende unha altura duns 30 metros, no lugar de Pedre.

O balance deste sinistro é de sete vítimas mortais e dous sobreviventes, unha muller e o condutor do autobús.

Esta mañá era localizado por un helicóptero o corpo da sétima vítima, unha muller de 50 anos que tamén viaxaba no autocar. A busca retomábase pouco antes, despois de que se confirmase a súa desaparición. Foi o fillo da muller que sobreviviu o que alertou que faltaba por localiza-la amiga da súa nai, que tamén ía no vehículo. Nas tarefas de rescate participaron dende un primeiro momento numerosos efectivos de diferentes corpos, entre eles os Bombeiros de Ribadumia ou voluntarios de Protección Civil de Pontevedra.

As vítimas teñen entre 21 e 70 anos, con residencia en distintos municipios da provincia de Pontevedra, como Soutomaior, Nigrán, Lalín ou Agolada. Todos tiñan orixe galega, agás unha muller de nacionalidade peruana.

En canto ás dúas persoas que sobreviviron, a muller continúa ingresada no Hospital Montecelo, en Pontevedra. Ela foi a que chamou dende o interior do autobús para alertar do accidente. Con todo, o 112 Galicia xa recibira unha chamada previa dunha persoa que indicaba que a varanda da ponte estaba desfeita, apuntando que tiña que ser a consecuencia de que un vehículo caera ao río, aínda que el non lograba ver nada.

O condutor do autocar, pola súa banda, xa recibiu a alta. Fora trasladado ao Hospital Clínico de Santiago, onde foi sometido a probas de alcohol e drogas, con resultado negativo.

Nesta xornada, sucedéronse as mostras de pesar polo accidente. O concello de Cerdedo-Cotobade, organizou un minuto de silencio este mediodía, na primeira das tres xornadas de loito oficial no municipio. Ao acto acudiron, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, o delegado da Xunta en Pontevedra, deputados provinciais e tamén alcaldes ou concelleiros da nosa contorna. Tamén se decretou loito oficial nos concellos da provincia de onde eran naturais algunhas das vítimas: Lalín, Agolada e Nigrán.

Ademais, durante esta xornada tamén se levaron a cabo os primeiros traballos para a retirada do autobús do leito do río. Vanse facer varias probas de carga cun guindastre para comprobar se é segura a súa recuperación, que tamén se ve condicionada nestes momentos polo caudal do río.

Agora quedan por esclarece-las causas do sinistro, a través dunha investigación por parte da Garda Civil. Na súa visita á zona, o presidente da Xunta indicou que ‘seguramente’ as malas condicións meteorolóxicas puideron influír no sinistro. O delegado do goberno en Galicia, pola súa banda, indicou esta mañá que ‘todas as hipóteses están abertas’, engadindo que a recuperación do autobús aportará moita información á investigación.