Mar abre a porta a revisar o reparto de cotas entre comunidades

    BARBANZA> Administración e sector tratan de buscar solución á crise aberta na flota do cerco co peche da pesquería do xurelo. Rosa Quintana recibía ós representantes de ACERGA para a busca de alternativas que lles permitan seguir a traballar ata finais de ano. Alternativas que lle trasladarán ó Ministerio na xuntanza prevista para este venres. Poucos avances na reunión mantida entre a Conselleira do Mar e os representantes da Asociación de Armadores Galegos do Cerco para buscar unha saída ó paro que mantén á flota amarrada dende o luns. A titular do Mar expuxo ós armadores unha serie de alternativas nas que traballa o seu departamento para conseguir un adianto da cota que permita capturar xurelo ata fin de ano, despois de que o Ministerio prohibise a pesca desta especie en todo o caladoiro por terse esgotado a cota. Para o sector, as xestións realizadas pola Consellería están a ter resultados nulos xa que seguen sen cota para poder pescar xurelo. Agardan que sexa máis produtiva a xuntanza prevista para o venres en Madrid, co secretario xeral de Pesca do Ministerio, Andrés Hermida. Nela volverán reclamar o cambio da lei para conseguir un reparto xusto da cota entre comunidades e adopción de medidas a curto prazo que permitan subsistir á flota ata finais de ano. Mentres tanto, as cento vinte embarcacións de ACERGA das que dependen máis de mil familias en toda a comunidade permanecen amarradas ante a falla de cota para pescar.