RIBEIRA> Un morto, máis dunha ducia de feridos de diversa consideración e seis detidos. Este é o balance da multitudinaria liorta rexistrada este martes na parroquia ribeirense entre dous clans de etnia xitana.
O que comezaba como unha xornada festiva para celebrar unha pedida de man acabou en traxedia. Máis de 50 persoas, integrantes de dous clans de etnia xitana, un de Ribeira e outro de Santiago, celebraban unha festa no centro recreativo de Artes. Transcorría con tranquilidade ata que, semella que un comentario dun dos implicados, foi o detonante dunha brutal pelexa que se saldou cun falecido, atropelado mortalmente por un vehículo que tentou darse á fuga. Hai ademais varios feridos, algúns por arma branca.
O outro escenario deste suceso, ademais das instalacións do centro recreativo que quedaron moi afectadas, foi a AP-9 onde se viviu unha persecución policial de película. Finalmente, o vehículo que se dera á fuga tralo atropelo mortal foi interceptado na peaxe de Teo onde se procedeu á detención dos seus ocupantes. Polo momento hai seis detidos . En canto ós feridos xa foron dados de alta os atendidos no hospital do Barbanza mentres que permanece grave no clínico o home que foi trasladado en helicóptero con lesións por arma branca.
O amplo dispositivo policial continuou ó longo desta xornada en varios puntos de Ribeira, onde se reforzará a seguridade nos próximos días. A Policía Nacional mantén aberta a investigación e non se descartan novas detencións.