O PP fai balance da lexislatura e asegura que Rajoy ‘cumpriu’ con Pontevedra

PONTEVEDRA> O Partido Popular da provincia de Pontevedra fixo balance dos catro anos de lexislatura de Mariano Rajoy. Ao mesmo tempo que en Madrid o consello de Ministros disolvía as cortes e convocaba as eleccións para o 20 de decembro, os deputados e senadores conservadores gababan o traballo feito polo presidente e o seu equipo para a provincia: menos paro e máis investimento en tempos de crise.

 

Os deputados e senadores do Partido Popular de Pontevedra defenderon a xestión de Mariano Rajoy, tanto a nivel estatal como no provincial.

Por iso cren que se debe seguir o camiño marcado polo actual executivo. Os populares falaron de dúas etapas nestes catro anos: unha marcada polas reformas duras e outra polo crecemento e a creación de emprego. Segundo Paz Lago, hai máis traballo e de maior calidade.

A deputada falou tamén dos orzamentos para 2016. Lago apuntou que a partida destinada ao fomento do emprego aumenta 673 millóns ata os 4.746 millóns de euros.

A senadora Dolores Pan analizou os investimentos que o Ministerio de Fomento fixo en Pontevedra. 

Pago de débedas e expropiacións de exercicios anteriores, o impulso do eixo Atlántico Vigo-A Coruña e o AVE a Galicia, a potenciación do porto de Vilagarcía de Arousa ou a reforma da praza de abastos de Cambados, son algunhas das actuacións coas que Pan resumiu o traballo de Fomento en Pontevedra.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/26/pp_balance_epa_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/26/pp_balance_epa_pontevedra.mp4{/flowplayer}