
CALDAS> A presidenta da Deputación de Pontevedra comprométese co centro ocupacional de O Saiar. Despois de que o alcalde de Caldas trasladara a Carmela Silva a precariedade das instalacións e as dificultades das familias para afrontar o posible copago, hoxe a deputada Digna Rivas reuniuse coa ANPA. Neste encontro, acordaron que a situación do centro será un dos temas que a presidenta da Deputación traslade ao seu homólogo da Xunta nunha reunión aínda sen data.
A precariedade do centro ocupacional O Saiar tamén estará na axenda do encontro entre a presidenta da Deputación e o seu homólogo na Xunta.
Nestas decisións buscaríase tamén o apoio dos municipios con veciños que asisten ao centro, un total de nove. A intención é, segundo explicou o alcalde de Caldas, obrigar á Xunta a que deixe de dar largas e cumpra a lei.
Os familiares dos usuarios do centro agradeceron a colaboración da Deputación e a implicación do alcalde. Denuncian un abandono total por parte da Consellería de Benestar, que nin acepta as súas peticións de reunións.
A ANPA ve no apoio de Deputación e concello un balón de osíxeno. Temen que o goberno autonómico acabe aplicando un copago que poría en dificultades a moitas das familias, sen recursos suficientes para afrontalo. Tamén preocupa a precariedade das instalacións de O Saiar.
Con estas condicións, a humidade tamén se converte nun problema, ata o punto que hai aulas nas que caeron os falsos teitos. Afortunadamente sen provocar danos nos usuarios. Por iso, as familias piden sinceridade á Xunta, para que tome medidas e deixe de comprometer reformas que finalmente non se levan a cabo.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/26/centro_saiar_caldas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/26/centro_saiar_caldas.mp4{/flowplayer}









