A Confraría do Grove retirou 61 toneladas de residuos do mar no marco do programa ‘Mar sen lixo’

O GROVE> A Confraría do Grove fai balance do seu programa ‘Mar sen lixo’. Unha iniciativa financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca pola que as mariscadoras do pósito dedicaron tres xornadas dos anos 2022 e 2023 a limpar os seus bancos marisqueiros. As cifras asustan: nestes tres días de limpeza retiraron ao redor de 61 toneladas de lixo, principalmente gomas, plásticos e madeira.

Estes son os datos do lixo que as mariscadoras da Confraría de San Martiño do Grove retiraron de bancos marisqueiros e praias en tan só unha xornada de limpeza no 2022. Foi no marco da iniciativa ‘Mar sen lixo’ que tivo unha segunda edición neste 2023. Este ano en dous días recolleron 12 toneladas de residuos.

En total, son 61 toneladas de lixo. Un balance que reflicte no caso do Grove unha problemática que se dá a nivel mundial: a presenza de residuos é cada vez maior nos océanos.

A iniciativa, financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, está enmarcado no plan da Consellería do Mar ‘Mar Limpo’. O proxecto foi medrando e neste 2023 presentáronse ata 13 iniciativas de recollida de lixo mariño en toda Galicia con preto de 900 profesionais do marisqueo participando. De todos, a proposta ‘Mar sen lixo’ do Grove foi a máis numerosa.

Pero as máis de catrocentas mans das mariscadoras do Grove non son suficientes para loitar contra esta problemática. É fundamental contar co compromiso de toda a cidadanía. Por iso, ‘Mar sen lixo incluíu varias actuacións dirixidas a concienciar non só ao sector do mar, senon tamén a toda a veciñanza.

Porque tal e como advirten, dun xeito ou doutro todos dependemos do mar.