A sección sindical de CCOO asegura que Ence é segura e pide que se deixe de facer demagoxia política

PONTEVEDRA> As declaracións do presidente de Ence advertindo da posibilidade dun “susto maiúsculo ambiental” continúan deixando valoracións en Pontevedra. Nesta ocasión foi a sección sindical de CCOO a que deu un paso adiante. Fíxoo para defender a seguridade da fábrica e para esixir de novo a modificación da Lei do Cambio Climático.

A sección sindical de CCOO da un paso ao fronte na defensa de Ence. Os representantes do comité de empresa convocaron hoxe unha rolda de prensa para aclarar as declaracións do presidente da pasteira sobre a posibilidade dun “susto maiúsculo ambiental”. Os traballadores aseguran que esas palabras foron sacadas de contexto e piden que se deixe de facer demagoxia política.

Os traballadores aproveitaron esta rolda de prensa para esixir de novo a modificación do artigo 18 da Lei do Cambio Climático. Os operarios defenden que este documento provocaría o peche definitivo da pasteira a pesar de que o delegado do Goberno asegurou nas últimas horas que non ten carácter retroactivo.

Na rolda de prensa estaban presentes tamén representantes de colectivos empresariais, que non dubidaron en manifestar o seu apoio aos traballadores de Ence.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, reclamou onte a Ence un proxecto industrial de futuro. Unha petición que xa tivo resposta por parte dos traballadores.

Ante esta situación, os representantes da sección sindical de CCOO pídenlle a Guillermo Meijón, o deputado socialista por Pontevedra, que medie para conseguir unha reunión coa ministra de Transición Ecolóxica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí