O concello de Pontevedra fai de Cupido entre o comercio local e a cidadanía e reparte agasallos por San Valentín

PONTEVEDRA> O comercio local é un dos protagonistas do Día de San Valentín en Pontevedra. A concellería de Promoción Económica puxo en marcha a actividade ‘Diana do Amor’ para premiar a fidelidade da cidadanía ao comercio de proximidade. Só era necesario un ticket de compra para probar sorte e puntería.

A ‘Diana do Amor’ repartiu hoxe premios dende a praza da Peregrina por San Valentín. O concello de Pontevedra fixo de Cupido entre o comercio local e a cidadanía, premiando a fidelidade dos compradores.

Só era necesario achegar un ticket de compra cun gasto mínimo de 15 euros nalgún dos 250 establecementos adhiridos á campaña. Cada un equivalía a tres tiros para probar sorte e puntería.

Para os máis destros, os que conseguían pegar no corazón central, o premio era un vale de 50 euros para gastar no mesmo local do ticket de compra co que participou. Para os que non, puideron consolarse cunha rosa vermella.

A diana estivo en marcha durante todo o día para estimular a compra no comercio de proximidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí