Arousa Norte promove o turismo gastronómico cunha ruta de tapas

    BOIRO> Unha trintena de establecementos participarán na primeira ruta de tapas promovida pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte. Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, busca a desestacionalización do destino turístico a través da súa vertente gastronómica. Esta fin de semana dará comezo a primeira Ruta Arousa Norte Máis que Tapas. Vinte e nove establecementos hostaleiros de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo participan nesta iniciativa que pretende promover a gastronomía da comarca como atractivo turístico. Un atractivo máis que se vén sumar ós inxentes recursos naturais e culturais que ofrece a marxe norte da ría. Arousa Norte converterase así no epicentro da mellor gastronomía ó longo de todo o mes.As tapas estarán dispoñibles devenres a domingo tanto a mediodía como pola noite. Tódolos establecementos participantes ofrecerán as súas tapas, elaboradas coa mellor materia prima do noso mar e a nosa terra, a un prezo homoxéneo de dous euros. Ademais do premio ó cociñeiro que elabore o mellor prato, haberá sorteos de vales de compra entre os clientes que participen.As redes sociais xogarán un papel moi importante nesta iniciativa. A través de Twitter buscarase a difusión a través de aqueles perfís relevantes no eido da promoción gastronómica. Facebook e Instagram chegarán ós consumidores directos a través dunha serie de sorteos nas que os clientes serán os protagonistas a través das súas fotografías. O presidente da mancomunidade quixo agradecer, unha vez máis, a implicación da hostalería nas iniciativas que promove a Mancomunidade co obxectivo de poñer á disposición dos visitantes unha ampla oferta de actividades durante todo o ano.