Os bombeiros forestais conseguen o apoio unánime da Deputación ás súas reclamacións

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra celebrou esta mañá o seu pleno máis participativo no que vai de mandato. Ata tres colectivos interviron na sesión extraordinaria de hoxe, para trasladar de primeira man as súas reclamacións ao pleno. Os bombeiros forestais, os emigrantes retornados e a asociación de veciños de Combarro tiveron a oportunidade de dar voz ás súas peticións, que recollían mocións incluídas na orde do día.

 

Unha soa lista de contratación do persoal, a convocatoria de oposicións, o recoñecemento de categoría profesional e a súa inclusión no Plan de Emerxencia da Xunta, son as peticións que lanzaron no pleno os bombeiros forestais. O seu voceiro trasladou á corporación a preocupación pola súa situación.

Denuncian que nos últimos anos viron empeorar as súas condicións laborais. Algo que, ademais de afectalos persoalmente, tamén repercuten no seu labor á hora de intervir en casos de emerxencias.

A moción que recollía estas peticións, presentada polos socialistas, conseguiu o apoio unánime do pleno. 

O mesmo pronunciamento recabou o punto incluído na orde do día tamén polo PSOE en apoio dos emigrantes retornados. A moción reclama ao Ministerio de Facenda que devolva de oficio este ano as cantidades que cobrou ata 2013 polo IRPF a pensionistas que volveron de Alemaña.

O pleno provincial tamén votou asumir como actuación prioritaria a urbanización da estrada de Campelo, despois de que intervira a asociación de veciños. A moción foi presentada polo PP, e dende o goberno provincial aseguraron que non existía compromiso formal por parte do anterior presidente con esta obra.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/28/pleno_deputacion_ponte.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/28/pleno_deputacion_ponte.mp4{/flowplayer}