#MedulaparaEstefanía: a campaña dun matrimonio de Pontevedra para atopar un doante compatible e concienciar sobre a doazón

PONTEVEDRA> Concienciar á cidadanía para que máis persoas se apunten no rexistro de Doantes de Medula Ósea. É o que perseguen Luis e Estefanía, un matrimonio de Pontevedra que coñece ben o que supón agardar a que apareza un doante compatible. A ela diagnosticáronlle leucemia mieloide aguda hai ao redor dun ano e medio. Agora agarda un transplante dende hai algo máis dun mes. Explican que tanto a inscrición no rexistro como o proceso de doazón son sinxelos e recordan que salvan vidas.

Estefanía Blanco agarda dende hai máis dun mes un doante de medula compatible.

En febreiro de 2023 foi diagnosticada. Detectóuselle a enfermidade nunha análise de sangue rutineira, cando estaba embarazada do seu segundo fillo.

O matrimonio vivía na Coruña pero trasladouse a Pontevedra por loxística, para estar máis preto da familia de Estefanía. Está a ser tratada no Hospital de Montecelo mentres agarda a que apareza ese doante compatible.

Nesta carreira contra o tempo, Luis deu un paso adiante. Concentra parte dos seus esforzos en conseguir concienciar á cidadanía e en difundir en que consiste o proceso de doazón de medula para eliminar as falsas crenzas.

As persoas que se poden inscribir no Rexistro de Doantes de Medula Ósea son as que teñen entre 18 e 40 anos. Poden consultar toda a información na web impulsada por Luis e Estefanía: donamedula.gal.