O BNG oponse á construción da residencia na finca do Pazo de Goiáns

BOIRO> Os nacionalistas consideran que se trata dun servizo de vital importancia para o municipio, pero sinalan que existen outros espazos máis axeitados para construíla.

Para o BNG a construción dunha residencia pública para a terceira idade é unha actuación prioritaria. De aí que dende hai tempo leven insistindo na necesidade de levala a cabo. Aínda así non están de acordo coa opción barallada polo equipo de goberno de situala na finca do pazo de Goiáns. Dende o BNG sinalan que a construción da residencia na finca de Goiáns obrigaría a ter que realizar unha modificación urbanística destes terreos para volver a darlle edificabilidade, algo que, segundo eles, podería traer consigo posibles especulacións urbanísticas no futuro. Os nacionalistas solicitan ademais a creación dunha comisión formada polos distintos grupos políticos con representación na corporación municipal, así como tamén por técnicos do Concello, que teña coma finalidade analizar cal sería a mellor localización posible para a residencia, deixando sen efecto ata que se decida, calquera posible modificación puntual do actual PXOM.