O PSOE prioriza as obras de saneamento e acondicionamento do rural

    LOUSAME> O PSOE de Lousame solicita ó executivo a convocatoria dunha xunta de portavoces para consensuar os proxectos a incluír nos Plans da Deputación. Os socialistas piden que a maior do investimento se destine a saneamento e acondicionamento dos núcleos rurais. Dado que as propostas a incluír no Plan de Obras e Servizos e no Plan de Acción Social da Deputación deben estar aprobadas antes do dezaoito de decembro, os socialistas de Lousame urxen ó goberno a convocar canto antes unha xunta de portavoces. Propoñen que a maior parte dos fondos destinados ó concello nestas convocatoria se destinen a dotar de saneamento ós núcleos que aínda carecen deste servizo básico e a acondicionar os seus accesos. Consideran os socialistas que este tipo de obras contribuirían a poñer en valor os núcleos rurais favorecendo a fixación da poboación nun municipio cada vez máis envellecido. O voceiro socialista insiste en que deben priorizarse os investimentos neste tipo de servizos básicos fronte ás obras faraónicas que tan só ocasionan máis gastos ó municipio.