O cerco trasladará o seu conflito a Bruxelas a próxima semana

    BARBANZA> Representantes de Acerga viaxarán o luns a Bruxelas para manter unha xuntanza con diferentes eurodeputados ós que lle trasladarán o seu problema. Con esta xuntanza os cerqueiros pretenden a modificación dos criterios actuais do reparto de cotas. Coa finalidade de esgotar tódalas opcións posibles na súa loita, unha representación da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia, trasladarase este próximo luns a Bruxelas para manter un encontro con representantes de diferentes partidos políticos e tratar de recadar apoios para a súa causa. Os cerqueiros pretenden deste xeito poñer o foco de atención no problema ó que se enfrontan pola falla de cotas, perseguindo un reparto máis xusto que o actual. Ademais de reunirse con eurodeputados de distintos grupos con representación no Parlamentos Europeo, os integrantes de Acerga, teñen previsto tamén manter un encontro co propio comisario de Pesca, Karmelu Vella, a máxima autoridade en materia pesqueira na Unión Europea, ó que tamén lle trasladarán a súa problemática, na procura dunha modificación nos actuais criterios de reparto de cotas.