Pontevedra énchese de tapas

PONTEVEDRA> 53 establecementos compiten por facerse co premio á mellor tapa de Pontevedra na oitava edición de Pontetapas que comeza o 12 de novembro. Cunha nova categoría cos clientes co único xurado e un premio para aqueles que visiten todos os locais o Pontetapas espera ter o éxito de anos pasados e aínda máis afluencia de persoas.

 

É a edición máis numerosa ata a data e é que Pontetapas ten cada vez máis adeptos tanto entre os consumidores como entre os hostaleiros. Esta oitava edición conta con 53 establecementos  que farán un total de 59 tapas, entre tradicionais e creativas, e 14 cócteles. Un xurado profesional con Pepe Solla á cabeza escollerá a mellor tapa e o público será quen elixa a que xa chaman “Tapa Pontevedra”.

Os gañadores da tapa profesional terán unha “master class” con Pepe Solla e entre todos os clientes que participen sortearase un cheque de 1000 euros a gastar na hostalería ou no comercio local. Ademais, para aqueles que consigan pasar polos 53 establecementos selando en todos o seu pasaporte Pontetapas conseguirán unha cea valorada en 60 euros en calquera dos locais que participan.

As tapas custarán este ano 2 euros e os cócteles 3 e o Pontetapas cambia de data adiantándose no calendario. 

Os hostaleiros terán absoluta liberdade creativa para pór en valor o seu traballo e o sabor do seu local e da propia cidade.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/06/pontetapas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/06/pontetapas.mp4{/flowplayer}