A execución do novo polígono de Ribeira podería licitarse xa este verán

RIBEIRA> Esta mañá tiña lugar no Concello unha xuntanza para seguir avanzando no desenvolvemento do que será o futuro parque empresarial, que se situará no entorno de Fontenla e Pedras Vermellas, na parroquia de Palmeira.

Segundo informaron fontes municipais de non xurdir imprevistos, a conclusión da fase de redacción tanto os proxectos de expropiación e urbanización como os servizos arqueolóxicos podería darse xa a comezos deste verán, o que significaría poder impulsar o procedemento para acceder á compra de parcelas, unha vez concretadas as características das mesmas e o seu custe final, que roldará os 50 euros por metro cadrado.

Dende o Concello confían tamén en que a licitación das obras de execución do proxecto construtivo se poida sacar a contratación tamén no verán e que os traballos puideran iniciarse no último trimestre do 2022.

O alto interese que está a suscitar o novo parque empresarial, con numerosas solicitudes, fai pensar xa na súa posible ampliación. Así, na xuntanza desta mañá acordouse solicitar unha entrevista co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo co obxecto de estudar xa esta posibilidade, empregando a zona anexa á actual, cara o sur.

Os empresarios tamén manifestaron o seu interese en coñecer da Deputación da Coruña o estado do proxecto de ampliación e mellora da estrada DP-7310 dende A Carballa ata a Moldes, que será unha das vías de acceso á área industrial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí