Boiro Novo solicita a construción dun parque cuberto accesible

    BOIRO> Dende a formación ‘independente’ propoñen que a actuación sexa sufragada cos fondos do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña. A través dunha moción presentada xa no concello, o grupo municipal Boiro Novo solicítalle ó equipo de goberno que destine os 377 mil euros que lle corresponden con cargo ó Plan de Acción Social da Deputación da Coruña á realización dun parque cuberto accesible. A proposta xorde das numerosas peticións recibidas por parte de veciños en xeral, que botan en falla un espazo destas características. Dende Boiro Novo pretenden que o parque recolla tamén outras posibilidades, convertendo o espazo nun lugar de convivencia social como poden ser unha zona infantil adaptado a persoas con diversidade funcional, un parque biosaudable para persoas maiores, unha zona de xogos populares, ou un merendoiro e cambiadores para bebés.