Europa excluirá ó xeito da prohibición das redes de enmalle

    BARBANZA> A máis que posible modificación do decreto europeo que regula as redes de enmalle á deriva supón un respiro para o xeito que podería ser excluído desta prohibición. O futuro do xeito semella estar asegurado despois de que o Comisario Europeo de Pesca propuxera a modificación do decreto de prohibición das redes de enmalle á deriva, na que tamén se inclúe este arte tradicional. A principal razón é que, a principios de 2016, a Unión Europea presentará unha proposta para a regulación das artes de pesca na que quedarían definidos tamén os usos das redes de enmalle. Deste xeito, quedaría sen efecto o decreto de prohibición no que traballan na actualidade. O sector ve, nesta nova proposta, unha porta aberta a excluír ó xeito da prohibición xa que, como sempre defenderon, trátase dunha arte selectiva, tradicional e sen danos para o medio ambiente. Na defensa do seu medio de vida, unha representación do sector chegou a viaxar a Bruxelas para amosar ás autoridades europeas, de primeira man, a súa forma de traballar. Semella que os argumentos desta delegacións e os informes remitidos pola administración galega en relación á escasa incidencia desta actividade pesqueira tiveron como resultado unha máis que probable modificación que excepcione ó xeito da prohibición.