O BNG de Ribeira denuncia o incumprimento da Lei de Normalización na nova lonxa

    RIBEIRA> Os nacionalistas advirten ó concello e a Portos de Galicia da irregularidade cometida ó introducir nos rótulos do novo recinto Ribeira con uve. A nova lonxa de Ribeira segue a xerar polémica. Esta vez pola rotulación instalada na rula, na que aparece o topónimo ’Riveira’ en lugar da forma correcta e oficial ‘Ribeira’. Para os nacionalistas estase a incumprir a Lei de Normalización Lingüística, atendendo a un ‘capricho’ do actual equipo de goberno. Dáse a circunstancia de que se trata da primeira vez, segundo eles, que unha Administración Pública non municipal comete este grave erro. A gravidade do asunto levou ó grupo municipal do BNG a presentar escritos dirixidos a diferentes organismos como é o caso de Portos de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística e no propio concello, solicitando unha rectificación, e se faga cumprir a lexislación vixente nesta materia. Ademais os nacionalistas anunciaron tamén que levarán este tema ó Parlamento, a través dunha iniciativa que defenderá o seu grupo parlamentario.