A Pobra reivindica o legado de Rosalía nos actos do seu aniversario

A POBRA> A Pobra volveu conmemorar o Día de Rosalía cun emotivo acto no que participaron os escolares do municipio. Ademais da lectura de poemas e cantigas, celebrouse a tradicional ofrenda floral ante o busto da escritora.

Escolares do Pilar Maestú Sierra e do Salustiano Rey Eiras abriron a homenaxe a Rosalía coa lectura de poemas e a interpretación de cantigas. A continuación foi a concelleira de Cultura quen tomou a palabra para reivindicar o papel de Rosalía como defensora non só da lingua senón da xustiza social.

Tamén o alcalde da Pobra quixo poñer en valor a importancia do legado da nosa escritora máis universal que fixo da palabra unha bandeira para devolver a dignidade ó pobo galego.

O acto rematou coa ofrenda floral realizada polas autoridades locais ante o busto de Rosalía e o reparto de caldo de gloria entre tódolos asistentes.