Unha fuga de augas residuais causa danos na Avenida da Coruña en Ribeira

    RIBEIRA > Unha fuga nas tubaxes que recollen os residuos industriais procedentes do polígono industrial de Xarás puido se-la causa dos fortes cheiros que tiveron que soporta-los veciños da Avenida da Coruña e a zona de Padín en Ribeira. Vómitos, erupcións e mesmo dificultades respiratorias foron algúns dos síntomas que padeceron.

    Segundo sinalaron os propios veciños da Avenida da Coruña e rúas próximas os malos olores iniciáronse xa de madrugada. Os cheiros foron cada vez a máis, resultando imposible permanecer nas súas vivendas, véndose obrigados a abandana-las súas casas.

    A consecuencia destes fortes cheiros moitos veciños da zona sufriron vómitos, erupcións e mesmo problemas respiratorios.

    Nesta ocasión a fuga de augas residuais na tubaxe tamén provocou que dúas das tendas situadas no interior de Centro Comercial Haley, así como o parking, se viran afectados. Boa parte da mercadoría destes dous comercios, unha de decoración e outra de roupa deportiva, quedou danado e esta mañá aínda permanecían pechados tratando de evalua-los danos e realizando labores de limpeza.

    O executivo ribeirés sinalou ó respecto que a situación vivida foi un feito puntual. Así técnicos do concello creen que os malos olores rexistrados na Avenida da Coruña debéronse fundamentalmente a que as augas residuais que se verteron a través da fuga foron recollidas pola rede de pluviais ou fecais, levando o cheiro ás tubaxes dalgúns edificios.

    Operarios da empresa Proyecom, encargada de executa-la instalación da tubaxe que recolle os residuos do polígono de Xarás, e de Aquagest, iniciaron xa onte as investigacións para determina-las causas do problema e porlle canto antes unha solución.

    O Grupo Municipal do BNG de Ribeira fíxose xa eco deste problema, presentando unha iniciativa no concello solicitando que se investiguen as causas deste vertido contaminante e se derimen as correspondentes responsabilidades.

    Para a voceira do BNG de Ribeira, Dominga Brión Sanmiguel os pestilentes cheiros sufridos no entorno de Padín e no Centro Comercial Haley non son novos e recordan moito os que se producían na Avenida de Ferrol durante anos.

    Por esta razón os nacionalistas ribeireses decidiron presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria solicitando que se investiguen as causas deste vertido añltamente contaminante e se derimen as correspondentes responsabilidades pertinentes co obxecto de erradicar estas práticas tan prexudiciais para toda a veciñanza.

    Dominga Brión considera ademais que o goberno local debe aplicar dunha vez por todas a Normativa Municipal de Vertidos, na que segundo ela se establece, entre outras cuestións, a depuración previa dos residuos industriais antes do seu vertido á rede pública de saneamento.

    Redacción Barbanza