Barahúnda presenta en Rianxo o seu último traballo discográfico

    RIANXO> O concerto, que terá lugar este venres no auditorio, servirá de presentación oficial de ‘Múdanse os ventos’. A pesar de contar cunha ampla traxectoria enriba dos escenarios, o grupo musical Barahúnda, formado pola voz engaiolante de Helena de Alfonso e a guitarra de José Lara Gruñeiro, achégarase este próximo venres, ás nove e nedia da noite, ó auditorio de Rianxo. O concerto servirá de presentación oficial do seu último traballo discográfico: ‘Múdanse os ventos’. Un disco ilusionante, no que teñen postas moitas esperanzas. E no que Rianxo, vila na que os dous músicos levan anos afincados, ten tamén moito que dicir. Na presentación do novo disco tamén tomaron parte o alcalde, Adolfo Muíños, e a edil de Cultura, Raquel García. Os dous destacaron a calidade musical de Barahúnda, facendo un chamamento á veciñanza a asistir este próximo venres ó seu concerto No concerto deste venres, que estará presentado por Tero Rodríguez, Helena e José, contarán tamén coas colaboracións musicais de José Luis Dopico, Aida Saco e Chema Mawenya, así como coa intervención plástica a cargo de María Manuela. O concerto terá tamén unha vertente solidaria, xa que dos cinco euros de custe da entrada, dous irán destinados á Asociación Solidariedade Galega co Pobo saharaui en concepto de axuda de emerxencia ás inundacións no Sáhara hai varias semanas). As estradas poderán adquirise en venda anticipada no Bar Pimen e na Librería Cándido ou ben no auditorio o propio día do concerto dúas horas antes do comezo da actuación.