O Consorcio de Igualdade apoiará a creación do centro de día de Rianxo

    centrodiarianxo_100_120809.jpgRIANXO> O executivo rianxeiro solicita que se retome o proxecto de construción do Centro de Día e Fogar Residencial de Maiores na localidade.

    {flowplayer}barbanza/centrodiarianxo.flv{/flowplayer}

    Tras o cambio de goberno na Xunta de Galicia, o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, mantivo unha xuntanza co novo responsable do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar co obxectivo de coñecer en que situación se atopa o proxecto do novo centro de día da localidade.

    Durante a reunión, Pedro Piñeiro puxo en coñecemento de Roberto Rodríguez que o concello xa puxo a disposición do anterior goberno da Xunta terreos para edificar este inmoble, que albergaría un servizo residencial e un comedor a domicilio. O director do Consorcio, Roberto Rodríguez manifestoulle que, malia identificarse coa necesidade de que Rianxo conte con este inmoble, ata a asignación dos vindeiros orzamentos, non podía dar resposta a súa demanda.

    Malia todo, Rodríguez Martínez tamén lle adiantou ao rexedor rianxeiro que o municipio non debería ter problemas para que este proxecto fose unha realidade a curto prazo.

    Próxima visita

    Co fin de coñecer esta actuación polo miúdo, Roberto Rodríguez desprazarase ata Rianxo o vindeiro mes de setembro para inspeccionar os terreos onde se emprazaría o centro.

    Trátase dunha parcela situada no lugar de Rianxiño de máis de oito mil metros cadrados, onde está previsto tamén construir máis de trinta vivendas de promoción oficial. O edificio do centro de día ocuparía unha superficie de dous mil douscentos metros cadrados.

    Redacción Barbanza