A Noite Aberta de Boiro ofrecerá descontos de ata o cincuenta por cento

    BOIRO> Preto de corenta establecementos participarán este sábado na sétima edición da ‘Noite Aberta’ organizada pola Asociación Boirense de Empresarios. Os comercios permanecerán abertos ata medianoite e ofrecerán descontos de entre o vinte e o cincuenta por cento. Tras recibir a mención especial nos Premios Nacionais de Comercio do Ministerio de Industria, a ABE segue inmersa na organización de actividades dinamizadoras da economía local. Este sábado desenvolverase unha nova edición, e xa van sete, da Noite Aberta. A actividade seguirá a dinámica de anos anteriores coa participación duns comercios que abrirán ata as doce da noite con importantes descontos para os seus clientes. Dende o concello de Boiro destacaron tamén a importancia deste tipo de actividades de cara a dinamizar e fomentar o amplo tecido comercial da localidade, facendo unha chamada á participación na ‘Noite Aberta’. Ese día realizarase tamén un sorteo dun premio de 100 € entre todas as compras do día e terán lugar actividades especiais nos nas rúas e comercios participantes. Aproveitarase tamén a xornada para proceder ó encendido do alumeado de Nadal.