O BNG da Pobra oponse á cesión de espazos para uso portuario

    POBRA> O BNG presentará alegacións contra a Delimitación de Espazos e Usos portuarios da Pobra. Este plan implicaría a modificación do PXOM, incorporando ó dominio público marítimo terrestre zonas que ata o de agora non eran titularidade de Portos. O pasado 23 de outubro o Diario Oficial de Galicia publicaba unha resolución sobre a reclamación da titularidade de varias zonas do litoral da Pobra, por parte de Portos de Galicia, que pasarían a formar parte do espazo portuario. O BNG presentará alegacións xa que a cesión afectaría negativamente a áreas de uso cotiá que integran o núcleo urbano da Pobra posto que quedarían afectadas por Costas. A agrupación nacionalista considera ademais que o cambio de titularidade destes terreos suporía un impacto económico moi negativo para o concello que deixaría de percibir os ingresos procedentes do cobro das taxas pola instalación de terrazas ou do mercadiño.