Sae a licitación a reforma da praza do Centenario e a mellora da conexión coa praza do concello

RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de sacar a licitación a remodelación da praza do Centenario. A actuación, cun orzamento de 1’2 millóns de euros, contempla a reforma da praza e do parque infantil, a dotación de máis zonas verdes e a mellora da conexión coa praza do concello.

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas para a reforma da praza do Centenario dispoñen de prazo ata o 23 de xullo. A actuación, cun orzamento de licitación de 1’2 millóns de euros, contempla a remodelación da praza e do parque así como a corrección das deficiencias estruturais que presenta.

O proxecto conta cunha subvención europea destinada ó fortalecemento do comercio polo que procederá tamén a mellorar a conexión coa praza do concello a través dunha plataforma única que favoreza o tránsito de peóns entre dous puntos neurálxicos do centro de Ribeira.