Barbanza fai gala do seu compromiso co pobo saharaui

    POBRA> A delegación de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui segue a traballar moi activamente para axudar ós campamentos de refuxiados gravemente afectados polas inundacións. Ademais da cea solidaria anual, a asociación fletará un autobús para asistir á marcha solidaria que terá lugar en Madrid o día catorce. Solidariedade Galega co Pobo Saharui fai un chamamento á colaboración cidadá nun ano críticos para os habitantes dos campamentos de refuxiados arrasados polas chuvias torrenciais. De aí, a importancia de colaborar coas numerosas iniciativas que desenvolve a entidade como as campañas de recadación de fondos en colaboración cos centros escolares ou a cea anual que terá lugar o día 21 no restaurante Chicolino. Ademais da achega económica, a asociación anima a participar nos actos reivindicativos en prol do Sáhara Libre como a manifestación convocada este sábado en Madrid, cando se cumpren corenta anos da sinatura dos acordos de cesión do Sáhara Occidental. Os interesados en desprazarse ata Madrid poderán reservar a súa praza por dez euros. O prezo da cea será de trinta e cinco, co donativo xa incluído, e as entradas poden adquirirse na academia San Roque da Pobra, a carnicería Aurea no mercado de Palmeira ou Pescados Paco, situado na lonxa de Ribeira.