O concello de Noia prevé a construción dun aparcadoiro en Santa María de Roo

    NOIA> O concello de Noia tentará chegar a un acordo co arcebispado de Santiago para a construción dun aparcadoiro no cemiterio de Santa María de Roo. Este mes iniciaranse as conversas para a cesión de terreos. Os veciños da parroquia de Roo levan tempo demandando a ampliación do espazo destinado ó aparcamento nas inmediacións do cemiterio parroquial. Atendendo ás súas peticións, o executivo local iniciará ó longo deste mes as conversas co arcebispado de Santiago, propietario dos terreos, para establecer un acordo de cesión. Aínda que non existe partida para este proxecto nos orzamentos do presente ano, o executivo ten previsto incluíla no próximo exercicio, sempre e cando os terreos se poñan a disposición da administración. A demanda inicial sería dunhas trinta prazas de estacionamento aínda que dende o concello apostan por ampliala para dar servizo non só ó camposanto senón a toda a parroquia.