A Xunta achega 48 mil euros a Barbanza Arousa para a promoción do seu xeodestino

RIANXO> Entre outros aspectos, o acordo permitirá a realización de actividades vinculadas á promoción, dinamización e  fomento do turismo nesta comarca.

O salón de plenos do concello de Rianxo foi o lugar escollido para a sinatura do convenio de colaboración en materia turística entre a Xunta de Galicia e a Mancomunidade Barbanza Arousa.

No acto tomaron parte o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xefa territorial de Turismo, María Barreiro, así como representantes dos catro concellos que integran a entidade.

Entre os obxectivos do acordo figuran a consolidación do xeodestino Barbanza Arousa como destino accesible, o afianzamento da colaboración público-privada a través da cooperación do sector turístico empresarial da zona e a realización de actividades de promoción.

Trala firma tivo lugar unha mesa de traballo na que se incidiu precisamente nas liñas nas que xira a estratexia turística de Barbanza Arousa, baseadas no Camiño de Santiago e na dualidade serra e mar para un posicionamento de turismo de litoral sustentable.

Na xuntanza abordouse a necesidade de potenciar o turismo náutico, apoiando a travesía ‘Navega o Camiño’, ou o turismo gastronómico cos proxectos Conserva a Orixe e a ruta de tapas ‘Mais que tapas’.

Outros dos aspectos tratados na reunión gardaron relación ca promoción, prevéndose a realización diferentes pezas de posicionamento do Camiño de Santiago como é o caso dunha guía e un audiovisual e tamén na comercialización, mediante a creación de 65 paquetes turísticos da man de axencias nacionais e internacionais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí