Cidadáns anónimos desenvolverán unha limpeza no areal de Coroso

    RIBEIRA> A asociación veciñal A Redonda Vella de Castiñeiras, xunto con numerosos cidadáns a título individual, organizarán este domingo unha actividade de sensibilización medioambiental. Entre as dez e as doce da mañá, os participantes procederán á recollida de plásticos, caixas, botellas e todo tipo de materiais non naturais que se atopen depositados no areal. Esta actividade, xurdida da propia iniciativa cidadá, conta coa colaboración da Cruz Vermella e do concello de Ribeira que achegará o material necesario para o seu desenvolvemento. Tamén a cadea de supermercados GADISA prestará apoio loxístico encargándose do avituallamento para os participantes. Os organizadores fan un chamamento á participación, dirixíndose principalmente ás familias polos valores cívicos e de respecto á natureza que se intentan transmitir ós máis pequenos. Os interesados non teñen máis que dirixirse ás inmediacións do pavillón de Coroso o próximo domingo ás dez da mañá.